Páginas

mércores, 24 de xuño de 2026

V FEIRÓN MARIÑEIRO

 O día 12 de xuño toda a comunidade educativa desfrutamos dunha nova edición, a quinta xa, do Feirón Mariñeiro, a festa de fin de curso do noso centro. Nela unificamos:

  • Unha mostra do traballo realizado ao longo de todo o curso polo alumnado, o profesorado, as familias,... no proxecto documental integrado deste curso "A nosa lingua fai camiño".
  • Actuacións musicais e de danza.
  • Comida campestre con sardiñada a cargo das familias e coa colaboración da Confraría de pescadores de Portosín.
  • Xogos populares, inchables, festa da auga e da escuma,...
Unha xornada coa que coidamos a nosa identidade coma fillas e fillos dunha vila mariñeira.





luns, 1 de xuño de 2026

MAIO DE TEATRO

Os “Venres de Teatro” deixáronnos momentos inesquecibles ao longo do mes de maio.

Compartimos un vídeo resumo de todas as actuacións que o noso alumnado preparou con moitísimo agarimo. Tivemos a oportunidade de desfrutar de diferentes obras de teatro e de actuacións musicais que contribuíron a poñer en valor o uso do galego como lingua viva e esencial para a nosa identidade cultural.

A través desta actividade, programada dentro do noso PDI anual "Viaxamos coa lingua a través da historia", o noso alumnado abordou temas como o da emigración, as tradicións e os costumes da nosa terra, a historia e a evolución da lingua galega,...a inclusión, a empatía e a tolerancia.

Queremos felicitar a todo o alumnado polo traballo realizado e a implicación do profesorado, das familias e de toda a comunidade educativa que sempre está a colaborar co centro.

Agradecemos tamén á Asociación de Empresarios de Portosín que colaborou con nós aportando diferentes produtos para sortear entre os asistentes.



 

martes, 26 de maio de 2026

OS MAIOS

Coa chegada do novo mes xuntámonos para darlle a benvida participando no concurso do noso concello, cun maio "dos de toda a vida".
Quedounos ben chulo!






mércores, 13 de maio de 2026

DEPORTE POLA LECTURA

No CEIP Portosín seguimos celebrando o Día do Libro coa nosa tradicional Carreira pola Lectura, que este ano chegou á súa décimo sétima edición!
Foi unha xornada chea de participación, onde unimos lectura e deporte acompañados, como vén sendo habitual, polos compañeiros e compañeiras da Escola Infantil de O Parque e do CEIP Sobrado-Nebra. Ademais, nesta edición innovamos cunha carreira de orientación para o alumnado de primaria, engadindo novos retos e aprendizaxes á experiencia.
Queremos agradecerlle especialmente ao alumnado do ciclo medio de deportes do IES de Porto do Son pola súa participación, así como ao Concello pola súa colaboración coa achega de auga e merendas.
Grazas tamén a todas as familias polo apoio constante. Actividades coma esta axudan a fomentar hábitos saudables e o gusto pola lectura desde as primeiras etapas.
Parabéns a todos e todas as participantes! Vémonos na seguinte!






Obradoiro - Un mar de cambios

 O mar regula o clima do planeta… e tamén precisa que o coidemos.

Xunto coa Cooperativa 13º realizamos un obradoiro de educación ambiental sobre o cambio climático e a conservación do medio mariño a través de:

🔹 dinámicas participativas


🔹 gafas de realidade virtual para ver o fondo mariño


🔹 e un obradoiro de ilustracións en acuarela de especies en perigo de extinción.

Aprender para comprender. Comprender para actuar!


Alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIPP de Portosín








domingo, 8 de marzo de 2026

8 M - DÍA DA MULLER

Un ano máis conmemoramos o 8 de marzo, Día da Muller, co obxectivo de poñer en valor a loita polos dereitos das mulleres e a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O alumnado presentou unha actividade moi especial na que se escoitaron os consellos que diferentes xeracións de mulleres darían ás nenas. A través das súas voces puidemos coñecer experiencias, dificultades e aprendizaxes de cada época, reflexionando sobre todo o camiño percorrido e sobre o que aínda queda por avanzar.

Unha xornada para aprender do pasado, comprender o presente e seguir construíndo un futuro con máis igualdade.





mércores, 25 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALÍA

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, unha das figuras máis emblemáticas do rexurdimento da nosa lingua e literatura e símbolo da cultura galega en xeral.

Outro ano máis, no noso centro educativo realizamos un acto conmemorativo para renderlle homenaxe. Nesta xornada, o alumnado presentou diferentes actividades relacionadas coa súa vida e obra. Expúxose a súa biografía, a súa traxectoria como escritora e a importancia que tivo na defensa da lingua e identidade galegas.

Ademais, algúns alumnos e alumnas recitaron poemas da autora, enchendo o centro de emoción e orgullo pola nosa terra.



xoves, 19 de febreiro de 2026

ENTROIDO 2026

Ao longo desta semana tan especial, os nosos nenos e nenas foron cumprindo con ilusión os mandadiños do Meco, enchendo as aulas de cor, creatividade e moito humor con diferentes disfraces e accesorios cada día.

Para poñer o broche final, cada aula mergullouse nun momento distinto da historia, ofrecéndonos un desfile cheo de imaxinación e alegría.
A xornada rematou cunha pequena festa e unha deliciosa degustación de filloas, compartindo sorrisos e bos momentos en comunidade.
Queremos agradecer sinceramente á ANPA do centro, ao Concello, á Asociación de Empresarios de Portosín, ás familias e, por suposto, a todas as persoas que, coa súa colaboración, fixeron posible que este día fose todo un éxito.





XUNTOS NA LOITA CONTRA O CANCRO INFANTIL

No CEIP Plurilingüe de Portosín sumámonos un curso máis ao Día da loita Contra o Cancro Infantil (o día 15 de febreiro) da man de ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia), colaborando nesta iniciativa solidaria para dar visibilidade, apoio e esperanza a todas as familias que conviven con esta realidade.

Durante a semana do entroido tratamos de enviarlles moita forza e ánimo aos nenos e nenas que loitan cada día contra esta enfermidade.



sábado, 31 de xaneiro de 2026

DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA

Un ano máis polo 30 de xaneiro, no noso centro conmemoramos o Día da Paz. Durante o acto, o alumnado presentou os símbolos da paz que elaboraron nas aulas os días previos, empregando elementos cheos de significado como as follas de carballo, as pombas e a coroa de loureiro, acompañados de poemas cos que reivindicaron a necesidade de construír un mundo máis xusto. Toda esta simboloxía relaciónase co noso PDI anual "A nosa lingua fai camiño a través da historia" co que estamos a facer un percorrido pola historia e os seus períodos máis importantes: perehistoria, imperio romano, época medieval...viaxe que facemos empregando a lingua galega.

O alumnado de 6º de primaria fixo a lectura dun manifesto pola paz co que explicaron brevemente a orixe da conmemoración e a súa motivación. Completaron este discurso as nenas e nenos de 5º de primaria facendo un percorrido pola realidade actual do mundo e aos conflitos bélicos que seguen activos a día de hoxe e ás terribles consecuencias que estes teñen para as persoas que os sofren. Algo que sen dúbida nos fixo reflexionar a todos/as os/as presentes.
Rematamos o acto cantando unha canción elaborada para a ocasión e que levaba o título de "Vou construir", cunha letra sacada dun poema de Miguel A. Alonso Diz.