Páginas

xoves, 29 de xuño de 2023

II FERIÓN MARIÑEIRO

 Para rematar o curso festexamos o "II Feirón Mariñeiro", ocasión na que nos xuntamos representantes de toda a comunidade educativa do Ceip Portosín para despedir dunha maneira festiva o curso escolar.

Puidemos ver e escoitar de primeira man o traballo desenvolvido por todo o alumnado do colexio acerca do proxecto anual "Portosín + Dixital e Sostible", co que se achegaron ao sector turístico no noso concello.
Isto fixémolo ao son dos gaiteiros, cunha demostración extraordinaria das nenas e nenos que participan na actividade extraescolar de zumba, degustando uns petiscos deliciosos de restaurantes da vila e unhas riquísimas sardiñas donadas pola cofradía de pescadores que nos asaron as nais e pais da Anpa Coira.
Moitísimas grazas a todos os que hoxe nos acompañastes e dunha maneira ou doutra colaborastes en que isto fose posible.
Unha comunidade educativa unida está chamada a medrar continuamente.
Parabéns!



PREMIOS DA BIBLIOTECA

Despedimos o curso dando un gran agradecemento aos colaboradores da biblioteca. Agasallamos tamén aos gañadores do xogo de Cacabela. Moitos parabén para tod@s!!! 


luns, 12 de xuño de 2023

PIM PAM EXPERIMENTA

 

O alumnado de terceiro ciclo de primaria participou, xunto cos compañeiros/as doutro colexio, na grabación do novo programa concurso da TVG "Pim Pam Experimenta".
As probas que tiveron que superar os cinco concursantes de sexto curso de cada un dos dous centros tiñan coma tema común a robótica. Unha experiencia que de seguro non esquecerán. Noraboa rapazada!
 


martes, 6 de xuño de 2023

ALMORZOS SAUDABLES


Continuamos fomentado a alimentación saudable, desta volta grazas aos mestres e alumnado do obradoiro de emprego "Monte TahumeVIII" organizado polo Concello de Porto do Son, que nos ofreceron unha charla sobre os alimentos que se deben consumir para estar fortes e sans. Tamén nos mostraron as redes do cerco e o seu funcionamento, por último convidáronnos degustar un incrible almorzo. Moitas grazas, estaba todo boísimo!


 


sábado, 3 de xuño de 2023

Charla sobre protección solar

 Veunos visitar Pedro, pai dunha alumna do colexio e farmacéutico de profesión, aínda que ben podería ser mestre do ben que se explica. Ensinounos aos profes e ao alumnado a mellor maneira de protexerse das radiacións solares nocivas. Contounos, entre outras moitas cousas, a diferenza entre as proteccións físicas e as químicas que podemos atopar á venda nas farmacias. O porque de poñernos morenos no verán, como reciclar os aerosoles...e mesmo nos regalou unha gorra a cada un para protexernos do sol estes días de tanto calor. Por se fora pouco ata fixemos sopas de letras.
Moitísimas grazas Pedro, por virnos concienciar sobre a importancia que ten para a nosa saúde protexer a nosa pel das radiacións nocivas do sol.

 


venres, 2 de xuño de 2023

Illas Cíes

 

O alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria puido desfrutar dunha das marabillas da nosa xeografía, o parque Nacional das Illas Atlánticas, nelas atopáronse con paisaxes incribles, roterios, xincanas e unha chea de aprendizaxes, pero sobre todo moitos momentos compartidos, sen dúbida unha xornada para o recordo!


 

xoves, 1 de xuño de 2023

Saída a lonxa de Ribeira

 

O alumnado de infantil participou do programa "Ti si que es un bo peixe" para coñecer as numerosas propiedades deste alimento e as profesións ligadas a pesca.
Comezamos vendo a reparación de redes. Logo unha volta polo porto e parada na estación do xeo, onde pasamos un anaco divertido tocando o xeo en escama.
Por último, visitamos a lonxa. Vimos o peixe do día e practicamos a súa poxa.
Antes de marchar, unha saborosa merenda de mar: hamburguesa de lirio, fajita de polbo con grelos e iogur!
Para o próximo curso, repetimos seguro