Páginas

mércores, 26 de abril de 2023

ROTEIRO ENTRE PEDRAS E CANTEIROS

 A andaina de hoxe levou á rapazada de 1º e 2º de primaria ata a Cabanela en Porto do Son onde nos ensinaron como moían antigamente o millo nun muíño de auga. Ao voltar cara Portosín vimos o cruceiro de mesa do cemiterio e na casa dos da igrexa puidemos ver o hórreo e o  reloxo de sol que teñen na fachada da casa. Seguimos camiñando ata a Avenida da Constitución onde contemplamos o cruceiro de Capeliña. De seguido chegamos ata a Motega onde os canteiros de pedras e mármores Portosín moi amablemente nos explicaron en que consiste o seu traballo e mostráronnos as ferramentas e maquinaria que empregan. Destacar o uso sotible que fan da auga xa que a decantan para volver empregala.

Moitísimas grazas pola vosa colaboración e implicación co noso alumnado.



domingo, 23 de abril de 2023

Roteiro Educación Infantil

Todo o alumnado de infantil saímos do colexio para facer un roteiro durante o cal observamos hórreos e cruceiros. Fomos ata a Silva e camiñamos para ir ata o lavadoiro de Mantoño. Cando chegamos alí lavamos os nosos mandilóns: mollámolos, botámoslle xabón e a frotar..., fixemos moita escuma. Logo escurrímolos ben nun balde con auga. Quedaron ben limpos!!! Á volta fomos recollendo moitos pampillos para facer unha sorpresa na clase. Pasámolo xenial!!!


 

xoves, 20 de abril de 2023

SEMANA INTERCULTURAL

 Comezamos a Semana Intercultural cun obradoiro de henna. Contamos coa visita de Aya, irmá de dous alumnos do noso centro. Foi polas aulas de infantil pintando as mans dos nenos e nenas facendo verdadeiras marabillas. Quedamos moi abraiados co seu talento. Gustounos moito esta experiencia.

No seguinte día viñeron ao colexio varias nais do noso alumnado. Traballaron arreo para mostrarnos distintas variedades da súa comida e ensinarnos os seus nomes e ingredientes. E a cousa non quedou aí, estiveron cociñando en directo cuscus con cordeiro e mesmo probamos un petisco. Tamén tomamos un pouco de té con pastas dunha pastelería árabe. Estaba todo boísimo. 

E por último ensináronnos as vestimentas das ceremonias e festas árabes. Contáronnos costumes da súa cultura das que aprendemos datos moi curiosos e tamén lle preguntamos as nosas inquedanzas. 

 Moitas grazas a todas por vir e ensinarnos tantas cousas. Somos conscientes do voso gran traballo e esforzo e estamos moi agradecidos. Foi para nós unha experiencia moi interesante e enriquecedora.



ROTEIROS

 Aproveitando o bo tempo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria fixo un roteiro pola contorna. Foron acompañados polos técnicos deportivos do Concello Carlos, Luky e Noel, moitas grazas. Saíron do colexio e pasaron por Boa, Miñortos, polos petróglifos da Picota e chegaron de novo a Portosín. Andiveron moito pero pasárono xenial observando todo o que nos ofrece a nosa natureza.


mércores, 19 de abril de 2023

TALLER DE XOIARÍA

 A rapazada de 1° e 2° de primaria asistiu onte a un obradoiro para aprender a fabricar xoias a partir do lixo que se recolle nas praias, fomentando así a sostibilidade. Grazas a María Candamo fixemos unha perla con anacos de redes, cordas e resina, empregando lámpadas ultravioletas para secalas rápido. As xoias quedaron moi orixinais sendo pezas únicas.



venres, 14 de abril de 2023

SEMANA INTERCULTURAL

 Ao longo da semana que vén gozaremos no Ceip Portosin dunha semana intercultural grazas ás familias de orixe marroquí que nos ensinarán varios aspectos da cultura árabe.