Páginas

mércores, 25 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALÍA

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, unha das figuras máis emblemáticas do rexurdimento da nosa lingua e literatura e símbolo da cultura galega en xeral.

Outro ano máis, no noso centro educativo realizamos un acto conmemorativo para renderlle homenaxe. Nesta xornada, o alumnado presentou diferentes actividades relacionadas coa súa vida e obra. Expúxose a súa biografía, a súa traxectoria como escritora e a importancia que tivo na defensa da lingua e identidade galegas.

Ademais, algúns alumnos e alumnas recitaron poemas da autora, enchendo o centro de emoción e orgullo pola nosa terra.



xoves, 19 de febreiro de 2026

ENTROIDO 2026

Ao longo desta semana tan especial, os nosos nenos e nenas foron cumprindo con ilusión os mandadiños do Meco, enchendo as aulas de cor, creatividade e moito humor con diferentes disfraces e accesorios cada día.

Para poñer o broche final, cada aula mergullouse nun momento distinto da historia, ofrecéndonos un desfile cheo de imaxinación e alegría.
A xornada rematou cunha pequena festa e unha deliciosa degustación de filloas, compartindo sorrisos e bos momentos en comunidade.
Queremos agradecer sinceramente á ANPA do centro, ao Concello, á Asociación de Empresarios de Portosín, ás familias e, por suposto, a todas as persoas que, coa súa colaboración, fixeron posible que este día fose todo un éxito.





XUNTOS NA LOITA CONTRA O CANCRO INFANTIL

No CEIP Plurilingüe de Portosín sumámonos un curso máis ao Día da loita Contra o Cancro Infantil (o día 15 de febreiro) da man de ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia), colaborando nesta iniciativa solidaria para dar visibilidade, apoio e esperanza a todas as familias que conviven con esta realidade.

Durante a semana do entroido tratamos de enviarlles moita forza e ánimo aos nenos e nenas que loitan cada día contra esta enfermidade.