O pasado venres 21 de novembro gozamos dunha xornada moi especial no noso centro! O alumnado, dende Educación Infantil ata Primaria, participou en diversas camiñatas pola nosa contorna, desfrutando do exercicio ao aire libre, da natureza e da boa compaña. Un xeito estupendo de fomentar hábitos saudables mentres compartimos momentos de convivencia.
Ademais, o alumnado de Infantil iniciouse hoxe nun programa colaborativo posto en marcha polo SERGAS e o Concello de Porto do Son, que promove unha vida activa e saudable, animando ás persoas maiores a saír e moverse. Por iso, os nosos nenas e nenos estiveron acompañados de familiares e da veciñanza que quixo participar neste programa conosco, creando así un fermoso espazo interxeracional que combina á vez deporte, saúde e benestar emocional.
Ao rematar as andainas, celebramos o noso tradicional magosto, en colaboración coa ANPA do centro, que nos axudou na preparación das castañas e bocatas de chourizo. Pequenos e maiores puidemos saborear este agasallo do outono e desfrutar dun momento moi especial xuntos.
Para poñer o broche final, todo o alumnado participou en xogos tradicionais organizados polo alumnado do ciclo de FP de Actividades Físicas e Deportivas do IES de Porto do Son, que encheron o patio de movemento, risas e moita diversión. Previamente estes rapaces e rapazas acompañáronnos tamén nos roteiros.
Foi unha xornada divertida na que houbo representación de toda a comunidade educativa! A unión fainos mellores!







Ningún comentario:
Publicar un comentario