Páginas

venres, 31 de outubro de 2025

SAMAÍN 2025

En Meigasín, no día de Samaín, o alumnado do seu colexio tivo que esforzarse arreo para axudar ás meigas que coidaban da xente da súa vila, pois as forzas do mal roubáranlles varios obxectos máxicos imprescindibles para manter o seu benestar e equilibrio. Para subsanar a situación, todas as nenas e nenos organizáronse por equipos para ir superando unha a unha as diferentes probas que as bruxas, a Santa Compaña e compañía lles foron poñendo. Grazas ao seu esforzo e bo facer conseguiron romper o maleficio volvendo todo á normalidade. Dámoslle as grazas ás nosas coordinadoras de biblioteca e de dinamización de lingua galega por toda a organización e ao resto de profesorado polo seu esforzo. Pasámolo en grande!


Ademais, entre as nenas e nenos de infantil e primaria elaboramos o conto "Unha noite de Samaín en Portosín", que nos quedou moi chulo.





venres, 24 de outubro de 2025

"24 OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES"

 

Hoxe conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares coa posta en marcha do noso PDI "Viaxamos coa lingua a través da historia". Este ano como novidade os cursos pares de primaria (2º, 4º e 6º) e 6º de educación infantil, levarán a "Maleta Viaxeira" que vai chea de recursos variados para coñecer máis e mellor aspectos da lingua e da cultura popular galega. O resto de cursos levarán a tradicional "Mochila Viaxeira". 

Ao longo do curso agardamos que as familias poidan compartir con nós as súas historias particulares sobre a emigración e inmigración, un dos temas sobre os que imos poñer o foco. Na súa compaña desfrutaremos da viaxe!

Por último, no día de hoxe tamén iniciamos a andadura da nosa "Árbore das palabras vivas", lugar que o alumnado irá enriquecendo ao longo do curso con palabras e historias ligadas á lingua galega e á súa evolución ao longo da historia.


 




mércores, 8 de outubro de 2025

Espectáculo con "BRAIS DAS HORTAS"

Que ben o pasou hoxe o alumnado de Primaria de Portosín e Nebra! As historias musicadas de Brais das Hortas fixéronnos rir, cantar e soñar na Casa da Cultura de Portosín. Unha mañá chea de maxia, música e moita ilusión!  Empregando distintos instrumentos e obxectos sacados da súa maleta misteriosa, atopada no faiado da casa, Brais encheu o escenario de sons, imaxinación e boas vibracións. Contos de bruxas, do home do saco, da Santa Compaña… Historias que mesturan tradición, humor e moita creatividade para facer voar a imaxinación de grandes e pequenos.





venres, 3 de outubro de 2025

 

Comezou o curso e con el as actividades da nosa Biblioteca. Esta semana tivemos o primeiro encontro dos "apadriñamentos lectores" nos que se emparella aos diferentes cursos para lernos ou contarnos  historias uns aos outros na última semana de cada mes, durante a hora de ler. Esta actividade enmárcase dentro da programación de actividades do noso proxecto anual "Viaxamos coa lingua a través da historia".