Páginas

mércores, 19 de febreiro de 2025

María Canosa

 

Onte tivemos a honra de recibir a María Canosa, escritora e enxeñeira de Camiños, Canais e Portos. Ademais da súa destacada traxectoria na literatura infantil e xuvenil, pola que recibiu numerosos premios, incluído o Merlín, tamén é coñecida pola súa participación como xurado en programas da TVG.

Durante a súa visita, falounos da súa biografía, de como comezou a escribir e do camiño que a levou a converterse nunha autora de referencia. Tamén respondeu con moita simpatía ás innumerables preguntas do público.

María incidiu na importancia da lingua galega, destacando como lle abriu moitas portas na súa vida, e animou aos máis pequenos a escribir en galego.

Para pechar esta marabillosa xornada, tivemos a sorte de contar cunha sinatura de libros na biblioteca, algo que nos fixo moitísima ilusión. Grazas, María, pola túa visita! 




 

 






martes, 18 de febreiro de 2025

Nanai da China

 

O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria desprazouse ata o Teatro Principal de Santiago de Compostela para asistir a unha obra relacionada coa antiga China.

A representación, titulada Nanai da China, permitiunos desfrutar de diversas técnicas de narración oral, como o teatro de sombras, os monicreques e outros elementos vinculados á cultura chinesa. Ademais, abordaba valores fundamentais como a agricultura ecolóxica, as adiccións, a discriminación e a superación persoal.

Antes da función, tivemos tempo para merendar na Praza da Quintana, gozando das vistas da Torre da Berenguela.

Foi unha xornada enriquecedora na que aprendemos moito e desfrutamos ao máximo!


 

martes, 11 de febreiro de 2025

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 Co gaio da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, recibimos a visita da oceanógrafa da Confraría de pescadores de Porto do Son para abordar o tema do cambio climático e os efectos que ten na nosa ría. Moitísimas grazas pola túa visita e polos agasallos. Ata pronto!

ODS - Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 

 

Charla María Pardo Marra

 Hoxe tivemos a oportunidade de contar coa presenza de María Pardo Marra, guía turística, que de xeito totalmente desinteresado nos explicou as diferenzas entre a peregrinaxe na Idade Media e a actual. Mentres respondía ás nosas preguntas, compartiu tamén numerosas experiencias persoais, pois percorreu varios dos camiños de Santiago coa súa mochila ao lombo. Grazas, foi un pracer terte connosco; aprendemos moitísimo!